Monday 13 de May de 2024

A piscina municipal de Boqueixón abrirá as súas portas este venres 23 de xuño


O Concello de Boqueixón ten previsto abrir a piscina municipal a partir deste venres 23 de xuño, se as condicións meteorolóxicas así o permiten. Así mesmo, do 23 de xuño ao 3 de xullo haberá xornadas de portas abertas para que a veciñanza interesada poida ir retirando os seus bonos.

A instalación permanerá aberta de luns a domingo de 15:00 a 21:00 horas . Así mesmo tamén acollerá diferentes actividades polas mañáns (Verán Activo, cursos de natación nenos) para complementar a oferta de lecer desta instalación.

O prezo da entrada individual é de 3,71 €. Os prezos dos bonos de 20 entradas son de 6,17 € (para menores ata 16 anos) e de 12,34 euros (para maiores de 16 anos). Ademais, ofrécense diferentes opcións de abonos familiares de 20 entradas: pai e nai (15,43 €), 1º fillo (6,17 €), 2º fi llo (3,09 €) e de balde para os seguintes.

A adquisición dos bonos deberase facer previo pago ao Concello de Boqueixón no numero de conta ES68 2080 0320 2531 1000 0666. Despois entregarase o recibo ou xustificante de ingreso na piscina municipal, onde se retirará o abono.

Mago Dani García

Para celebrar a nova temporada da piscina, o Concello de Boqueixón ten programado para este domingo 25 de xuño, a actuación do mago Dani García. Porá en escena “Gadalka, maxia detrás do cristal”, un espectáculo de maxia de proximidade deseñado especialmente para o desfrute das familias e incluído dentro do programa Cultura no Camiño 2023. A participación é totalmente de balde.

A acción céntrase nunha pequena caseta de feira, á que pequenos grupos familiares poden achegarse para vivir unha experiencia máxica a poucos centímetros. Esta caseta, de menos dun metro cadrado, agocha tras o seu cristal ao mentalista Gadalka, unha personaxe peculiar. Unha innovadora proposta que permite o achegamento case total do público ao mago.